Fai uns días que vos recomendaba encarecidamente a ruta da Floresta Encantada de Salto. E hoxe achégovos outros 16 quilómetros circulares que podedes unir co anterior roteiro completando así o “Trilho de D. Nuno”, cunha extensión total duns 24 quilómetros. É dicir, que se non queredes camiñar tanto ou non tedes tempo suficiente, tedes a alternativa de facela en dous días coma fixen eu.
E se a primeira parte me encantou, direivos que esta non foi menos. As aldeas de Corva, Amiar, Póvoa, Reboreda e a vila de Salto presumen dunha beleza e patrimonio histórico e etnográfico digno de admiración. Casas centenarias, muíños, capelas, petos de ánimas e fornos comunitarios son tan só algúns dos seus tesouros. E desta vez cambiaremos a densa foresta do roteiro anterior por amplas panorámicas nas que a vista non coñece límites, bueno sí, a serra do Gerês, que nos ofrece un fondo ideal para os extensos lameiros con gando.
O camiño está limpo pero a sinalización é deficitaria nalgúns puntos, polo que recomendo levar algún apoio para orientarse. Déixovos coma sempre o meu track de ruta no Wikiloc no perfil “de cabo a rabo”. E como xa vos dixen en repetidas ocasións, o ecomuseu da Casa do Capitão, en Salto, é de visita máis que obrigada. Déixovos o enlace ás publicacións sobre o mesmo que fixen con anterioridade para que o xulguedes por vós mesmos. Espero que vos guste! 

