PR 9. Trilho de Castelo de Monforte. Chaves. Portugal.

Este roteiro circular, duns 11 quilómetros de lonxitude, lévanos a coñecer a través de camiños en perfecto estado de conservación e con boa sinalización, aldeas coma a de Avelelas ou Sobreira. Aínda así, o claro atractivo do mesmo radica no fortificado castelo de Monforte, clasificado coma Monumento Nacional e datado de finais do século XIII e inicios do XIV. Destaca a súa torre da homenaxe e no interior da súa muralla atopábanse en tempos a “Casa da Câmara” e a igrexa parroquial do xa inexistente concello de Monforte de Rio Livre, así coma outras edificacións. Déixovos un esbozo do mesmo de Duarte de Armas como axuda para transportarvos ao pasado.
Este antiga vila urbana fortificada, xunto coas de Montalegre e Chaves, forma parte da liña estratéxica da defensa de Trás-os-Montes, fomentada pola coroa portuguesa nos reinados de D. Afonso e D. Dinis. Constituíu un importante punto vixía no seu día e é que dende o mesmo teredes unha perfecta panorámica de 360º dentro da que se inclúe a cidade de Chaves e o val no que se atopa.
Aínda que conta cun tramo inicial de subida, non reviste unha grande dificultade técnica. Iso sí, carece practicamente de sombra e é totalmente desaconsellable para días moi calurosos. Espero que vos guste!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *