PR-G 112. Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe. Concello do Rosal

Este fermoso roteiro de 7,5 km lineais, é dicir 15 km ida e volta polo mesmo sitio, parte da praia de Eiras seguindo a corrente das augas do Miño ata o Río Tamuxe, onde finaliza no espectacular Muíño das Aceñas.
Durante o noso percurso, acompañarannos diversas especies de árbores, unhas fermosas vistas cara as ínsuas Morraceira das Varandas, do Grilo e Canosa, de gran valor ecolóxico, as ruínas dun gran serradoiro a vapor do que tan só resta unha esvelta cheminea pertencente á sociedade “Nandín Vicente y Cía”, de principios do século XX.
Tamén nas súas proximidades a ponte do Tamuxe, de orixe romana para algúns historiadores e coa súa primeira cita histórica datada no ano 1293, aínda que foi reconstruída durante os anos 1844-1845. Esta zona tamén foi unha localización estratéxica durante a invasión francesa en 1808.
E para finalizar o noso traxecto, o impresionante Muíño das Aceñas coas súas augas turquesa que invitan ao baño. Conta cunha zona propia para refrescarse así como merendeiro.
É unha ruta sinxela, sen desnivel algún, por bos camiños, limpos e ben sinalizados. Moi recomendable! Estou segura de que vos gustará! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *