PR-G 195. Ruta dos Muíños do Río das Gándaras. Concello de Vilasantar.

Este roteiro lineal conta cunha lonxitude aproximada ida e volta duns 15 quilómetros, aínda que como recomendación persoal, direivos que paga a pena facer un pouquiño máis e achegarnos ata o Mosteiro de Santa María de Mezonzo e o hórreo de Vilaboa (18,5 quilómetros na súa totalidade con este engadido).
Aínda que a paisaxe é totalmente espectacular e o son da auga a nosa beira convida á relaxación total, sen dúbida algunha a guinda deste pastel é o seu tesouro etnográfico, formado polo batán de Mezonzo e os numerosos muíños que atoparemos ao noso paso. Tamén a fermosa caída de auga que se forma á altura do batán e que poderemos observar perfectamente dende o miradoiro habilitado para tal fin.
Teño que dicir que o estado de conservación deste roteiro é literalmente inmellorable, ao igual ca sinalización. Conta con espazos para repoñer forzas ou simplemente sentarse a contemplar a beleza do lugar. Aínda que ten subidas e baixadas, carece de grandes desniveis e os camiños son moi bos de andar. O tramo ata o Mosteiro e o hórreo é por estrada, pero paga a pena facelo.
Esta ruta acaba de entrar no Top 10 das miñas favoritas en Galicia! Moi recomendable!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *