PR-G 217. Ruta de Torrente Salgueiro. Galicia.

Este roteiro lineal duns 14 quilómetros de lonxitude, un pouco menos do dobre se se fai ida e volta, parte da igrexa e casa reitoral de San Pedro de Muíños e ascende ata a aldea abandonada de Salgueiro, na parte alta da Serra do Xurés.
Durante o percorrido coñeceremos os pobos de O Agrelo, Picós e a ermida da Clamadoira, que nos ofrecerá unha interesante panorámica do val do río Limia e do encoro das Conchas. A través de pequenas carballeiras chegaremos a San Salvador e Prado, onde atravesamos o río Salas para percorrer un tramo da súa ribeira ata enlazar co Rego Salgueiro, polo que ascendemos acadando Salgueiro.
Esta aldea é, sen dúbida algunha, o meu recuncho favorito do Xurés. Fáltanlle habitantes pero sóbralle encanto. Como xa vos falei dela en publicacións anteriores, déixovos o enlace por se queredes máis información sobre a mesma.
O camiño está limpo aínda que a sinalización é deficitaria. Executado na dirección proposta conta maioritariamente cunha pendente ascendente. E é preciso pedir autorización para a súa realización ao Parque Natural no teléfono 988788755 ou no correo parque.natural.xures@xunta.gal, xa que transcorre por unha zona de protección especial.
Non vos decepcionará! 😍

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *