Este roteiro circular duns 14 quilómetros escasos de lonxitude, é a mestura perfecta de patrimonio, etnografía e natureza. Muíños, pazos, pontes históricas, unha antiga central hidroeléctrica, igrexas, capelas e un antigo curtidoiro farán o noso camiño do máis entretido.
E iso por non falar dos singulares sendeiros que nos levarán a través de frondosos bosques autóctonos e á beira das augas dos ríos Deza, Lamas e Asneiro.
Excepto un pequeno tramo no inicio, todo o camiño está limpo e perfectamente sinalizado, e conta con sombra na maior parte do seu traxecto. Tamén existe unha variante que permite reducir a súa lonxitude en caso de querer facelo.
Sen dúbida é un imprescindible! 

