PR-G 98. Canón do Sil- Santa Cristina. Ribeira Sacra

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil
Rodeado por un fermoso souto de centenarios castiñeiros e polas augas do río Sil, atopamos este mosteiro de obrigada visita, tanto se levamos a cabo o roteiro PR-G 98 coma se non, xa que se pode chegar até o mesmo en coche.
Cunha historia de máis de mil anos, as súas orixes remóntanse ao asentamento de eremitas que se refuxiaban ás beiras do río na procura dunha vida de meditación e oración. A súa existencia está documentada dende o século X e foi un dos mosteiros máis importantes da Ribeira Sacra durante toda a Idade Media até que, no século XV, desaparece coma abadía pasando a converterse en priorado do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Foi coa Desamortización que pasou no ano 1835 a mans particulares convertíndose en granxa de labor.
A súa igrexa é un dos mellores exemplos do románico rural galego e nela podemos apreciar aínda pinturas do século XVI e un impoñente rosetón. Tamén chamarán a nosa atención a súa torre, a porta de entrada ao mosteiro, o fermoso claustro, o gran número de parladoiros que alberga e as lápidas sepulcrais dos abades inseridas nalgunhas paredes.
Podo dicir que de todos os mosteiros da Ribeira Sacra, este sempre tivo algo de especial que para min o fai único. Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *