Ahí vos vai outro do meu Top 10 de “trilhos” en Portugal. Este percorrido circular, de tan só uns 10 quilómetros de lonxitude, pasou a formar parte, sen lugar a dúbidas, do meu listado de rutas favoritas. Por que? Pola diversidade de paisaxes, camiños e vexetación, as fermosas panorámicas coas que nos embelesa, os bosques caducifolios e ata unha turbeira, o Lameiro das Cebolas! Tamén conta cun impresionante miradoiro que ofrece unha ampla panorámica da zona, unha mesta carballeira na que perderse e un posto vixía!
Os camiños atópanse en bo estado, e se tedes a sorte de que vos acompañe unha cadeliña da aldea da que parte, dádelle saúdos meus! Foi a miña guía cando o fixen! Espero que vos guste!

