Hoxe vouvos presentar un roteiro que, sen lugar a dúbidas, entrou directamente no meu top 10 de favoritos! Partindo de Regoufe descubriremos un dos vales máis fermosos desta rexión, a súa actividade agrícola e gandeira, pero tamén un pasado mineiro que tempos atrás deu traballo a preto de 1000 persoas. Isto debeuse á extracción e exportación de centenas de millares de toneladas de volframio empregadas para a fabricación de material de guerra durante a Segunda Guerra Mundial.
Á saída de Regoufe iniciaremos unha subida pronunciada que dará paso a un descenso considerable cara a aldea de Drave. Non vos preocupedes, as panorámicas teranvos tan engaiolados que nin vos percataredes do desnivel. A paisaxe é realmente espectacular!
E Drave non o é menos. Un pobo deshabitado ao que só se pode chegar a pé, unha viaxe ao pasado, á memoria de un país. Un río que forma ao seu paso fervenzas e pozas que convidan ao baño e á contemplación. Todo o que xira en torno a este lugar é paz e tranquilidade.
O camiño está limpo e perfectamente sinalizado. Aínda que está pensado para facer a ida e a volta polo mesmo lugar, recoméndovos se a época do ano o permite, acompañar o río no seu descenso para desfrutar das súas cristalinas augas e as maravillas que deixan ao seu paso. Encantaravos! 

