Como ben sabedes os que xa me ides coñecendo, andar a cabalo da raia é o meu, e é que en algo se teñen que notar as miñas raíces na zona. Hoxe vouvos presentar un roteiro circular, duns 12 quilómetros de lonxitude, que une as aldeas raianas de Tourém (Portugal) e Randín (Galicia).
A través de fermosas carballeiras, sendeiros do máis variados, e coas augas do encoro de Salas como fondo en boa parte do traxecto, percorreremos antigos camiños polos que, anos atrás, circulou un pouco de todo como parte do contrabando presente en moitos dos lugares fronteirizos. Bacallau, aceite, tecidos, tabaco e café eran dos máis habituais, aínda que non os únicos.
Todo o camiño está perfectamente limpo e sinalizado. Aínda que o roteiro en sí non percorre toda a aldea de Randín e Tourém, recomendo encarecidamente unha visitiña pormenorizada de ámbalas dúas. Carece de dificultade técnica algunha xa que apenas presenta desnivel.
Encantaravos! 

