Gran Ruta Transfronteiriza Gerês- Xurés.
Etapa 3. De Salgueiro a Lobios.
Tan pronto colocas o primeiro pé en Puxedo, es consciente da importancia da súa historia e das súas tradicións, así coma da boa labor de preservación que os seus veciños fan das mesmas. Os meus maiores respetos e parabéns!
Cun valor etnográfico incalculable, contamos catro eiras con canastros feitos en pedra e madeira durante os séculos XIX e XX, o que nos da a ver a importancia do cereal nesta zona. Como curiosidade, contareivos que debaixo do lousado dalgunhas eiras, os veciños de Puxedo enterraban un pote para amplificar o son que producían os mallos ao bater o centeo. A ubicación exacta do pote só era coñecida polos naturais da aldea, o que lles permitía un falso alarde da súa coordinación e forza física ante os malladores foráneos que tamén participaban!
Estes, despois de mallar, recibían da man dos locais unha aña feita de palla como símbolo da súa inferioridade.
Se queredes saber máis sobre a súa cultura, recoméndovos visitar o Centro Interpretativo do ciclo do pan así coma a súa Aula Etnográfica.
Na praza de San Antonio podedes ver a capela adicada a este santo así como un espectacular peto de ánimas, catro cruceiros e un palco acompañado por un carballo centenario.
E por se non fose suficiente, son varios os murais que decoran as súas rúas con diferentes motivos, todos eles realizados polo artista ourensán Mon Devane.
Imprescindible perderse polo pobo, percorrer cada recuncho e desfrutar de todo o que ten para ofrecernos.
Ademáis da etapa 3 da Gran Ruta Transfronteiriza que atravesa a aldea, tamén parte de Puxedo a Ruta das Olas do Mao PR-G 268, un sendeiro circular de case sete quilómetros, que nos achega ás pozas, caídas de auga, enormes olas e muíños do río Mao.






















