Hoxe vouvos propoñer unha visita a Ribadavia, unha fermosa vila con encanto na que podemos disfrutar da historia, da natureza, das súas augas e tamén do viño.
Na súa cima podemos apreciar o conxunto monumental de Santo Domingo, unha auténtica xoia gótica, ao carón do Santuario da Nosa Señora do Portal. Baixando cara o casco vello o impresionante Castelo dos Sarmiento, conectado coa muralla, que nos ofrece unhas maravillosas vistas do río Avia nun dos seus puntos. E se o que queremos son vistas, tamén teremos unha interesante panorámica da vila dende a Igrexa de San Antón, ao outro lado do río.
Na Praza Maior podemos contemplar o Palacio dos Condes (onde fixaron a súa residencia os Condes de Ribadavia a partir do século XVII deixando abandonado o Castelo) e a Torre do Concello, así coma os soportais que reflexan a riqueza da zona xa no século XVI.
Continuando polo Barrio Xudeu podemos visitar as numerosas igrexas desta vila, moitas das cales coroan fermosas prazas, e tamén a Casa da Inquisición. Non hai un recuncho aquí que non pague a pena ser explorado. E como non, deixarnos levar pola gula e probar a repostería hebrea.
Recoméndovos unha visitiña ao museo etnolóxico ubicado no casco vello, onde poderedes saber máis sobre a forma de vida da xente de Galicia e das súas tradicións. A entrada é gratuíta e está a beira da Igrexa de Santiago, a igrexa parroquial máis antiga de Ribadavia.
Xa en outra entrada vos recomendei achegarvos até o seu cemiterio e xa nas aforas á capela de San Xes de Francelos. E se o que queredes é relaxarvos nas súas augas, tamén nas aforas, recoméndovos as termas de Prexigueiro, que son privadas e de pago pero están ubicadas nun entorno único.
Como podedes ver, é unha vila con moito que ofrecer na que hai plans para todos os gustos.



















