Esta vila galega ten moito que ofrecer, e non só monumental ou paisaxisticamente, senón tamén historicamente falando.
Na miña visita de hoxe ao seu cemiterio, quixo o destino que me atopase con alguén que me contou de primeira man como, grazas ás irmáns Touza (Lola, Amparo e Julia), dous taxistas (Xosé Rocha e Javier Míguez, apodado o Calavera), un intérprete (Ricardo Pérez) e un barquero (Ramón Estévez) se salvou a vida a máis de 500 xudeus entre os anos 1941 e 1945.
Esta rede clandestina comezaba nos Pirineos e remataba na outra beira do río Miño, en Portugal, convertendo a Ribadavia nun dos epicentros mundiais de axuda aos xudeus. O obxetivo, unha vez en Portugal, era partir rumbo aos Estados Unidos ou Sudamérica.
Se queredes saber máis sobre este tema hai un libro titulado “Memoria de ferro” que pode ser do voso interese.
As irmáns Touza atópanse enterradas neste cemiterio que é ben digno dunha visita. Asentado nunha antiga viña, o primeiro data de mediados do século XIX e aínda conserva as tres pirámides de pedra representativas da arquitectura funeraria da época. Tamén conta con dous cruceiros e o pousadoiro onde se bendecía aos difuntos. Levouse a cabo unha ampliación deste camposanto en 1902 e foi na década dos 80 cando se incorporou a parte que pertencía aos protestantes.








