A este curso fluvial, menos coñecido que o do río Sil ou o do Miño, non lle falta personalidade e tampouco importancia histórica. Nesta etapa acompañaremos as súas augas a través dunhas pintorescas pasarelas con plataformas elevadas, escaleiras e até un miradoiro dende onde veremos perfectamente o canón excavado polo Mao na rocha, entre unha densa vexetación de ribeira.
E no referente a súa participación na historia local, dicirvos que este río limitaba na Idade Media o dominio do mosteiro de Santa Cristina. Tempo despois, coa creación da Fábrica da Luz entre os anos 1914 e 1916, unha das primeiras centrais hidroeléctricas de Galicia, produciu enerxía eléctrica chegando a suministrar electricidade a Monforte, á capital ourensá e ás localidades desa parte da Ribeira Sacra. Esta central quedou en desuso a comezos dos anos sesenta, cobrando unha nova vida coma albergue e centro multiusos xa no século XXI por iniciativa do concello de Parada de Sil. E agora mesmo? Pois agora mesmo as augas do Mao suministran unha dose de tranquilidade, paz e calma a todo aquel que se para a contemplalas con detemento! 

