Este roteiro circular duns 23 km permítenos coñecer Allariz, chegar a Santa Mariña de Augas Santas a través de fermosas aldeas e completar o noso recorrido voltando por Vilar de Flores e O Rexo.
Dende a primeira vez que puxen un pé en Santa Mariña de Augas Santas, pareceume un lugar totalmente máxico. A súa impresionante igrexa, o misterioso forno da Santa, que a fin de semana pasada estaba aberto despois de que as derradeiras veces o atopara pechado, o Penedo Da Moura, o Carballo da Santa aos pés do cal sempre hai auga, a Cibdá de Armeá e o Xacemento Arqueolóxico do Monte do Señoriño. Esta zona ten unha visita obrigada, así como tamén a búsqueda da súa historia que penso será de gran agrado para os que vos tomedes o tempo para elo.
Todas as aldeas polas que pasa o camiño son fermosas, coa súa arquitectura tradicional, axeitadiñas, pero Vilar de Flores, coa súa igrexa e a maioría de casiñas restauradas con moi bo gusto, é realmente deses pobos nos que se pode ver o agarimo co que os seus veciños fixeron as cousas.
Do Rexo xa falei noutras rutas previas. Quedaría a vivir alí. O correr do río, a paz que transmite, e sempre hai algunha ovelliña que che vén a susurrar ao ouvido
.
Sen dúbida, para os que vos gusta camiñar, un sendeiro moi recomendable 

















