Roteiro arqueolóxico etnográfico de Armea e Santa Mariña de Augas Santas. Allariz. Galicia.

A xente sempre se sorprende cando me pregunta polas miñas rutas favoritas e lles falo desta, circular duns tres quilómetros de lonxitude. Pois ben, é certo que é moito máis curta das que adoito facer, pero hai camiños e camiños por onde ampliala en caso de querer, é apta para todos os públicos, carece de dificultade técnica e agocha de todo! Que máis se pode pedir?
Unha espectacular igrexa románica, as fontes que se relacionan co martirio da Santa, todo o que xira arredor da pobre Mariña, a misteriosa basílica inacabada da Ascensión, as pioucas que conservan a súa auga todo o ano, a Cibdá romana de Armea, o xacemento do Monte do Señoriño e até un petroglifo! Todo isto espallado por unha fermosa e densa foresta autóctona!
Perfectamente sinalizada e limpa, non contedes con rematala nun periquete. Coido que non vos debía levar menos de dúas horas para ver todo debidamente. Sei que vos encantará!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *