Roteiro Arqueolóxico Etnográfico de Armea e Santa Mariña de Augas Santas

Concello de Allariz
Hoxe vouvos falar deste roteiro circular de pouco máis de tres quilómetros, apto para todos os públicos, e que pese a súa curta lonxitude ten moito que ofrecer!
Parte da igrexa románica ubicada no medio da vila de Santa Mariña de Augas Santas, que sorprende cos seus fermosos rosetóns e altas naves. A súa beira atopamos a Fonte da Santa, unha das tres relacionadas co martirio de Santa Mariña e presidida pola imaxe da mesma. Tamén a Capela de Santo Tomé, con outro manancial de auga coñecido como o Pozo da Santa e pertencente ao Pazo do Bispo, que cunha superficie duns 900 metros cadrados foi casa de verán do Bispo de Ourense, refuxio de relixiosos mancados ou enfermos durante a Invasión Francesa e Casa Reitoral.
Atravesando a vila adentrámonos nunha fermosa floresta autóctona onde deixaremos a nosa dereita o Asento da Santa para chegar á Basílica inacabada da Ascensión, debaixo da cal se atopa o Forno, lugar onde a lenda conta que intentaron queimar a Mariña, salvada por San Pedro e refrescada nas pioucas que están xirando á dereita á altura do Penedo da Moura. Enriba destas un enorme carballo captará a nosa atención. Aínda así, este non é máis ca o relevo do carballo orixinal, de 9 metros de circunferencia e ubicado un pouco máis adiante, que desapareceu a mediados do século pasado por mor dun lóstrego.
Continuamos cara a Cibdá romana de Armea con restos dunha rúa central enlousada, a ambos lados da cal se dispoñen as tres domus ou casas romanas excavadas ata agora. E camiñando polo que queda da antiga calzada romana, chegamos ao xacemento do Monte do Señoriño, do que se interpreta que sería unha vivenda romana con posibles funcións domésticas, administrativas e de control viario.
Moi preto a aldea de Armea e un sendeiro a través do bosque que nos devolverá ao punto de partida.
Encantaravos! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *