Vouvos presentar un sendeiro onde natureza, patrimonio e fermosas panorámicas nos acompañarán no noso camiño. Este roteiro circular conta con 9,3 quilómetros de lonxitude contando a visita a S. Martinho da Penha e ao Castelo da Rainha. Hai un merendeiro aos seus pés onde podedes repoñer forzas e desfrutar do lugar.
Coñeceremos ao noso paso, da man de frondosos e verdes bosques, as fermosas aldeas de Abedim e Gandrachão, e tamén a capela de São Martinho no noso ascenso ao castelo a través de penedos singulares e dunha envergadura máis que considerable.
Todo o camiño está limpo e perfectamente sinalizado. Aínda que conta cun par de subidas e baixadas, non conleva unha gran dificultade técnica excepto en días de choiva coma hoxe, onde recomendo encarecidamente moita cautela sobre todo no tramo de subida ao Castelo da Rainha.
Encantaravos! 

