Sodes moitos os que me preguntastes pola miña impresión despois de facer este roteiro que atravesa Portugal de Chaves a Faro polo interior con 739km de lonxitude.
Pois ben, teño que dicir que pese a que xa coñecía bastante ben o país veciño, que é a miña segunda casa, tanto a nivel da costa coma do interior, desfrutei cada quilómetro do mesmo a todos os niveis.
Os que me coñecedes un pouco ou seguides os meus pasos habitualmente, xa sabedes que me encantan as aldeas, as súas xentes e historias, as estradas de toda a vida e a paisaxe e arquitectura.
Existen grandes diferenzas entre a costa e o interior e tamén entre o norte e o sur do país, como acontece en Galiza tamén e máis aínda en España. Non obstante, véxoo un xeito ideal de percorrer o país. Se vos gustan as aldeas, o monte e a montaña, impresionantes panorámicas, comer ben e coñecer lugares que conseguiron preservar a súa esencia a través do tempo, esta é a vosa ruta.
A estrada en sí é do máis pintoresca, e facéndoa con tempo hai moitos puntos de gran interese moi próximos á mesma. Repetiría sen lugar a dúbidas!
De feito, xa teño outro roteiro en mente polo norte de Portugal de 777km, pero isto queda coma un avance sen máis para mantervos coa curiosidade
.





























