Con 10 quilómetros de lonxitude, este roteiro circular parte de Covas do Barroso, unha singular aldea que sen dúbida algunha paga a pena visitar minuciosamente. Pero por se non vos fiades, direivos que conta entre os seus numerosos atractivos cun forno do pobo en perfecto estado, un impoñente cruceiro datado de 1776, unha igrexa románica, un peto de ánimas e unha arquitectura tradicional ben preservada. Ah! E un ecomuseo de visita obrigatoria, do cal compartirei algunhas fotos nunha vindeira publicación e no que poderedes ver o modo de vida da zona tempo atrás.
A través de pintorescos camiños que nos levarán entre campos e lameiros, descubriremos antigas levadas e canles de auga, muíños, a aldea de Romaínho e as fermosas vistas que ofrece o observatorio “Olhar do Guerreiro”.
Aínda que conta con unha subidiña na parte media, non é de grande complexidade. E todo o camiño está perfectamente sinalizado e limpo. Moi recomendable! 

