Roteiro de San Xes. Concello de Paderne de Allariz

Este percurso circular duns 13 km de lonxitude é un dos varios que nos ofrece o concello de Paderne de Allariz. Partindo do propio concello, o camiño adentraranos nunha mesta foresta ata Riodebodas, onde acompañaremos o río Grañal no seu percurso disfrutando dos muíños que hai as súas beiras.
Atravesaremos tamén as poboacións de San Xes, pasando ao carón da Pía do Santo, protector polo visto do ouvido 👂. Tamén Eiravedra, onde paga a pena achegarse ata os seus hórreos e adentrarse na propia aldea, e Vilaverde. Por último rodearemos a Lagoa de Cantoña e chegaremos de novo ao punto de partida.
Pese a que nada máis comezar un operario do concello dixo que non estaba moi limpo o camiño, teño que dicir que salvo un tramo duns 10 metros cunha combinación perfecta de estrugas, silvas ocultas e densos fentos (🫣🤭🤣), o resto está limpo e perfectamente sinalizado. A inmensa maioría transcorre por sombra o que o fai ideal para días calurosos, aínda que o tramo que acompaña ao río Grañal, con fervenza incluída, é bastante máis chamativo en época de choivas.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *