Roteiro dende A Cela ao Pozo da Seima. Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

Este roteiro lineal duns 2,5 quilómetros de lonxitude ida e volta, comunica dous lugares do máis interesantes. A aldea de A Cela e os seus arredores están marcados por impresionantes formacións rochosas de gran magnitude que conforman unha paisaxe case irreal, unha dispersión de bolos graníticos arredondeados, fracturados e amontoados en equilibrios imposibles. A aldea de A Cela é, sen dúbida, un exemplo perfecto de integración do home no medio, coas súas casas construídas sobre os propios bolos graníticos.
E tal vez este sexa un dos enclaves máis relevantes do Xurés a nivel etnográfico e histórico, xa que foi berce de San Rosendo no século X e fortificación de defensa para os Araúxo, señores desas terras durante a Idade Media. Nas súas inmediacións atopamos as ruínas do Cenobio de Santa María e do castelo da Fraga Raxada. Tamén unha igrexa na que se pode ver unha inscripción sobre a porta na que reza “esta es iglesia de refugio i sagrada”, lei medieval pola que calquera perseguido pola xustiza podía acollerse á protección de igrexas ou mosteiros.
E será a través dunha fermosa carballeira, conducidos por unhas pasarelas de madeira, como chegaremos ao Pozo da Seima, formado pola caída duns 15 metros de altura das augas do río Salas por unha gran parede rochosa. Como curiosidade, direivos que non se coñece a profundidade de tal poza, pero din os máis lonxevos do lugar que fai anos atáronse sete sedeños e non se conseguiu chegar ao fondo, co cal se estima que máis de 50 metros!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *