Este camiño circular que vos propoño hoxe combina historia, patrimonio e natureza á perfección. Xa no seu punto de partida daranos a coñecer o espectacular e ben conservado Castelo de Pambre, o cal ten unha visita máis que obrigatoria e do que xa vos falarei polo miúdo nos vindeiros días.
E será a través de pintorescos sendeiros como chegaremos ata as torrentes de Mácara, formadas polo río Ulla, que deixa ao seu paso pequenas caídas de auga que forman na súa base fermosas pozas. E tamén rochas cun aspecto do máis singular, ocasionado pola erosión que causa a forza do seu caudal co paso do tempo.
Con 8 quilómetros escasos de lonxitude, dos cales dous para voltar se levan a cabo pola estrada, este roteiro está perfectamente limpo e carece de grande dificultade, aínda que a sinalización é insuficiente.
Un pouco máis adiante das torrentes de Mácara podemos atopar o que resta do antigo balneario de Frádegas, hoxe en día abandonado. Este tramo a maiores supón algún quilómetro máis e non vos podo dicir en que estado se atopa o camiño. Pola estrada, estas ruínas están a pouco máis de 4 quilómetros do castelo de Pambre, por se queredes achegarvos. Pagan a pena!

