Este camiño circular duns 10 quilómetros parte da estrada M308, ao carón da cal hai espazo para estacionar o coche adecuadamente. Todo o camiño está mariolado (indicado con penediños agrupados uns enriba doutros) pero aínda así recomendo realizar a ruta cun gps xa que no alto hai varios camiños que se cruzan.
A primeira parte deste roteiro é dunha subida relativamente técnica, con bastante penedo e o camiño pechado de vexetación nalgúns tramos. Ao rematar a subida as vistas son realmente impresionantes e é dende ahí que comezamos unha lixeira baixada até os prados da Biduiça e un chouzo que alí resta. Uns cabalos salvaxes acudiron a saudar e todo.
Dende alí ímonos aproximando ao río pouco a pouco e acompañándoo no seu descenso, vendo como forma diferentes pozas e caídas de auga. A do Dola é sen dúbida a máis impresionante e merece a pena se o clima o permite baixar ata a mesma e darse un baño ou refrescarse. Atópase máis ou menos a metade de camiño.
Aínda que despois do pozo do Dola nos queda unha subidiña curta aínda que pronunciada, o camiño vai mellorando e comézase a descender. O último quilómetro aproximadamente efectúase por carretera.
Recomendo este percurso en días calurosos para poder disfrutar dun baño no pozo, pero ben é certo que non conta con zonas sombreadas e case todo o camiño é subida ou baixada. Non obstante, penso que pode resultar perigoso e moi esvaradío en días de choiva ou néboa densa.
Un deses sitios máxicos aos que hai que ir polo menos unha vez na vida!













