Este sendeiro circular de pouco máis de 10 quilómetros de lonxitude, permítenos apreciar a grande riqueza patrimonial de aldeas coma Vilarinho Seco (da que quedei namorada na miña primeira visita xa), Bostofrio e Agrelos. Estes lugares semellan ancorados no tempo, mantendo á perfección a súa esencia, a súa arquitectura tradicional e enchendo de paz a aquel que os percorre.
Aínda que o feito de ser circular permite iniciar a ruta en calquera punto, recoméndovos a capela de Bostofrio como punto de partida. Así comezaredes cun lixeiro descenso ao que seguirá o maior ascenso do camiño, que se mantén uns dous quilómetros e medio, e a partir do cal o desnivel se volve máis favorable.
Aínda que non é un roteiro sinxelo, as variopintas paisaxes conformadas por verdes prados, abrigos tradicionais, camiños máis silvestres e curiosos penedos, fará que vos resulte realmente entretido. Iso por non falar de algún que outro animaliño que vos sairá ao paso durante esta andaina. Ollo en época de choivas ou no inverno, os camiños tenden a acumular auga e o frío faise notar especialmente nestas altitudes.
Para min é sen lugar a dúbidas unha das rutas máis fermosas que tiven o pracer de levar a cabo. Espero que vos gusten as fotos! 

