Este roteiro circular de pouco máis de 8 quilómetros, ten a súa dificultade pese a súa curta distancia. Partindo da aldea de Lamedo achéganos ás augas do río Ave, atravesadas por unha fermosa ponte medieval. Estreitos sendeiros ábrense paso no medio dun verde bosque para levarnos a coñecer antigos muíños, hoxe en día en estado ruínoso, e fermosas caídas de auga coma é o caso da fervenza da Candosa.
O camiño lévanos a atravesar o río por unhas poldras, que agora mesmo están cubertas pola auga algunhas delas, co cal recoméndovos empregar unha ponte situada un pouco máis adiante (ponte da Candosa) e voltar ao camiño marcado despois. Podedes ver esta alternativa tanto no meu track subido ao Wikiloc coma ao Sports Tracker. E continuando a nosa ruta alcanzamos a aldea de Agra, cunhas impoñentes construcións en granito e un encanto propio difícil de igualar. E toca voltar cara Lamedo, desta vez un pouco máis afastados do río pero non sen descubrir algún segredo máis agochado no noso percorrido.
Todo o camiño está bastante ben sinalizado aínda que hai algunhas silvas en puntos concretos que literalmente se meten con un! Tede moito coidadiño cos penedos en días de choiva ou pegados ao río xa que pola humidade resultan especialmente esvaradíos.
Espero que a desfrutedes! 

