Roteiro dos Poços Verdes de Sobroso. Portugal

Hoxe propóñovos esta ruta acorde ás temperaturas que estamos tendo, porque se a vida che da limóns… xa sabedes o resto! Partindo da aldea de Xertelo damos comezo a este percorrido de pouco máis de 10 quilómetros, que podemos facer tanto de xeito circular, como ida e volta polo mesmo lugar, según a nosa forma física e climatoloxía.
En cinco quilómetros escasos nos que predomina unha lixeira subida, alcanzaremos as fermosas lagoas que forman as cristalinas augas do río Cabril durante o seu descenso. Sete pozas, algunhas delas con unha profundidade máis que considerable, unha atrás doutra.
Direivos que se remontades o río un quilómetro máis aproximadamente (non incluído na distancia que vos dixen ao comezo), iredes dar a outra fermosa lagoa, moito menos coñecida e turística que as anteriores, chamada o poço do Teixo. E polo visto, aínda que eu xa non cheguei tan enriba porque o camiño comezaba a desaparecer, aínda hai unha corga máis a seguir desta.
Magníficas formacións rochosas, muíños, alvarizas e ata un impresionante foxo do lobo amenizaranvos este roteiro, parte do Parque Nacional Peneda-Gerês, que non ten desperdicio ningún.
* Aínda que non acostumo subir fotografías con xente, non puiden resistirme a unha imaxe que me pareceu do máis tenra ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *