Roteiro polo concello de Allariz e a beira do río Arnoia. Galicia.

Hoxe vouvos presentar unhas das miñas rutas habituais ao lado da casa. Partindo de Allariz, comezaremos desfrutando dos reflexos das árbores nas augas do Arnoia até chegarmos á primeira aldea, As Quintas de San Trocado, que nos sorprende coas súas casas típicas galegas, o seu lavadoiro e a súa eira de canastros, na que conviven algúns de pedra con doelas de madeira con outros integramente de madeira.
A continuación atravesaremos San Martiño de Pazó, que conta cunha igrexa da que, aínda que se descoñece a data exacta da súa fundación, estímase que xa existía entre os anos 930 e 942, sendo un dos exemplos de templo prerrománico da provincia. Aínda podemos apreciar elementos mozárabes coma as portas laterais de ferradura e alfiz ou os restos das fiestras de arco de ferradura da fachada principal. Está considerada Monumento Histórico-Artístico dende 1931 e actualmente conta co título de Ben de Interese Cultural.
Dende San Martiño continuaremos cara Amiadoso, onde conviven construcións antigas con outras máis recentes, e descendendo polo camiño voltaremos a Allariz. Todo o sendeiro está limpo, pero actualmente a parte que vai a carón do río ten moita auga nalgún tramo, obrigando a facer de cabra, xa que polo camiño non se pasa. Avisados quedades! Non conta con outra dificultade técnica alén desa. Espero que vos guste!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *