Roteiro polo penedo do Tangaraño, a igrexa de San Pedro de Moreiras e a capela de San Bieito da Cova do Lobo. Galicia.

Este roteiro circular, de pouco máis de 10 quilómetros de lonxitude, conta con tres puntos clave no seu percorrido. Por unha parte a impresionante igrexa de San Pedro de Moreiras, cunha monumental fachada barroca e que aínda conserva no seu muro sur restos románicos. A seguir, a ermida de San Bieito, na que ten lugar cada ano unha romaría na súa honra e que conta nas súas inmediacións con enormes penedos, venerados pola crenza de sandar, coma é o caso do Tangaraño.
Este xigantesco bolo granítico ao que se lle atribuíron poderes curativos en casos de raquitismo, bocio e problemas de pel, está apoiado sobre dúas rochas, quedando por baixo do mesmo un oco no que se atopa unha pía con auga que, según din, nunca seca. Conta a lenda que os nenos con estas afeccións eran levados aló por tres mulleres, as cales lle tiraban á criatura as roupas vellas e o pasaban de fóra cara dentro do penedo por enriba da charca con auga. Logo vestíano con roupas novas e facían tiras coa outra deixándoas atadas nas ramas de camiño á ermida. Se curaban ou non, non o sei, pero o que sí vos aseguro é que ten unhas maravillosas vistas da cidade de Ourense.
Todo o camiño está limpo e aínda que ten algunha subida e baixada sinxelas, carece de dificultade técnica. Dicir que non está sinalizado, pero podedes atopar o track no Wikiloc ou no Sports Tracker. Espero que vos guste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *