Hoxe preséntovos unha proposta do máis interesante, xa veredes. Este roteiro circular de pouco máis de 6 quilómetros de lonxitude, parte da aldea de Pontes, dende onde nos levará a través dun fermoso bosque a descubrir lugares coma un acueducto construído polos veciños no ano 1940, con nada menos que uns 60 metros de lonxitude e salvagardado por un cruceiro e un peto de ánimas.
Tamén nos amosará unha maxestuosa fervenza, a ponte da Cava da Velha, construída na época romana e reformada na Idade Media e a ponte e muíño da Assureira xunto coa capela de São Brás. No que se refire á propia aldea de Pontes e a súa historia, merecen unha publicación propia, sen lugar a dúbidas. Prometo non tervos na incertidume por moito tempo!
Os camiños son bos e atópanse limpos, os puntos de interese están ben sinalizados e carece de dificultade técnica algunha. Moi, moi recomendable. E se non coñecedes Castro Laboreiro, é unha parada máis que obrigatoria ao rematar a ruta!
Espero que vos guste! 

