Non vos queixaredes de que non vos dou opcións para facer fronte a esta calor, e máis aínda hoxe que toca dous por un! Preséntovos neste roteiro circular de pouco máis de 15 quilómetros de lonxitude, varias zonas de baño, como as pozas formadas pola fervenza de Cela Cavalos ou as do Dola.
Partindo da capela de Santa Luzia, desfrutaremos dunha fermosa vista sobre o val do río Cávado mentras baixamos ata a fervenza Cela Cavalos. E aquí comeza o difícil, pois dará inicio unha subidiña que nos acompañará varios quilómetros, cun pequeno tramo intermedio por asfalto. Iso sí, a panorámica dende o punto máis alto é espectacular, con un val a cada lado e impresionantes formacións graníticas que nos achegarán ata o curral de Biduiças.
Dende aquí unha pendente descendente colócanos no maxestuoso Poço Dola, onde uns peixiños do máis simpáticos vos esperarán para un refrescante baño. E volta a subir un anaquiño ata acadar a baixada definitiva.
O roteiro non está sinalizado aínda que sí mariolado en grande parte. As subidas e baixadas requiren certa técnica xa que a vexetación e o pavimento (moita pedra solta) aumentan o grao de dificultade deste percorrido. E en caso de animarvos, obrigatorio o emprego de pantalón longo, facédeme caso, teño as pernas que parece que fora atacada por unha manada de gatos salvaxes! Toxos, silvas, carqueixas e fentos non faltan!
Tamén é posible visitar unicamente as pozas por separado reducindo drasticamente o número de quilómetros e a dificultade da ruta.
Espero que vos guste! 

