O percorrido que vos propoño hoxe é circular e duns 7 quilómetros de lonxitude. Pero se queredes facer unha distancia maior, mañá achegareivos outro co que podedes enlazar e co que ampliaredes o voso roteiro 8 quilómetros máis.
Neste coñeceremos Avión, coa súa singular igrexa de San Xusto e Pastor á que antecede un fermoso cruceiro con pousadoiro. Tamén Beresmo, coa súa eira lousada rodeada dun número importante de canastros e ao carón da capela de San Xosé. Todo a través de fermosos bosques autóctonos e do paseo do río Vaderías no que atoparemos un antigo muíño.
Todo o roteiro está limpo e decorre por bos camiños. Iso sí, non está sinalizado, así que coma en ocasions anteriores déixovos o meu track de ruta no Wikiloc e no Sports Tracker, no perfil de decaboarabo. Conta cunha subida un pouco pronunciada pero que non se mantén moito tempo, polo demáis sen dificultade técnica algunha.
Espero que vos guste!

