Hoxe comezo a semana con esta proposta pola Ribeira Sacra, ideal para a época na que estamos. Ideal polo colorido co que nos deleita e tamén porque non é un roteiro longo nin especialmente difícil ou técnico. Perfecto para unha mañá ou unha tarde libre!
Circular e con pouco máis de 11 quilómetros de lonxitude, é toda unha caixa de sorpresas. Camiñaremos entre soutos de castiñeiros e carballeiras ao encontro do río Miño, onde serán as viñas as que collan o relevo e nos acompañen ata vermos a fermosa panorámica de Castro Candaz. No noso camiño de volta descubriremos pintorescas aldeas con casas con fermosos esgrafiados, igrexas e cruceiros. E con certeza, algunhas vaquiñas a pastar nos verdes prados!
Todo o camiño está perfectamente limpo e sinalizado. Conta cunha pendente descendente e outra ascendente na parte central do percorrido pero que non revisten dificultade. Espero que vos guste! 

