Ruta das Areeiras de Sandiás. Provincia de Ourense

Hoxe propóñovos un roteiro relaxado, de 6 quilómetros escasos, no que diferentes aves acuáticas serán as nosas compañeiras. Circular, ben sinalizado e sen desnivel, este camiño lévanos polo resultado das explotacións adicadas á extracción de area na zona, que conlevaron a formación de importantes encharcamentos permanentes nos ocos que ían deixando coa súa actividade.
Isto deu lugar á aparición de diversa flora e fauna que nos achega á memoria a desaparecida Lagoa de Antela, unha das maiores lagoas ibéricas desecada na década dos cincuenta.
No inverno poderedes ver os parruliños nadando nas grandes charcas, na primavera e no verán nidifican aló especies coma a garza pequena e a garza da noite, non habituais en Galicia; e nos pasos migratorios son moitas as aves acuáticas que paran a repostar durante a súa viaxe.
Espero que vos guste! 🤗

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *