Este roteiro circular parte da aldea de Puxedo, da que xa vos falei en anteriores ocasións, e achéganos ao río Mao que será o noso compañeiro, dirixíndonos augas enriba, ata acadar a fervenza dos da Cal.
A volta farémola pola outra beira do río, cumprindo así os case sete quilómetros de lonxitude deste sendeiro circular. En caso de querer facer un traxecto máis curto, é posible comezar dende a estrada OU-1206, directamente á altura do río, quedando nuns 4 quilómetros escasos.
Unha aldea cargada de historia e conservada con mimo, magníficas panorámicas do Parque Natural do Xurés e un río con pozas de auga cristalina e olas ou marmitas de xigante son atractivos máis que suficientes para animarvos, non si?
Todo o roteiro está limpo e perfectamente sinalizado, e direivos que aos meus peludos lles gustou especialmente!

