Hoxe achégovos este roteiro circular, de 14 quilómetros escasos de lonxitude, cun nome bastante común. E é que os tempos non sempre foron os que son agora. Décadas atrás os medios eran precarios e, ás veces, trasladar aos defuntos até a igrexa parroquial era un traballo complicado e laborioso. Por este camiño eran transportados os finados en carros de bois, tardando incluso horas en chegar ao seu destino. Aínda é posible apreciar no chan as marcas que deixaron as rodas dos carros ao seu paso.
O noso traxecto comeza con unha subida que se mantén aproximadamente ata a metade do percorrido. Non vou dicir que sexa doada pero sí que ten o mesmo de difícil que de fermosa. Ao longo de singulares sendeiros cheos de verde e sumerxidos en densas forestas acadaremos a aldea de Arado, a partir da cal predominarán as amplas vistas da contorna. Dende ahí dirixímonos a Bouças e pouco despois comezaremos o noso descenso, pronunciado e marcado pola variedade paisaxística, ata chegar ao punto final.
Todo o roteiro está perfectamente limpo e sinalizado, excepto un tramo central que carece de marcación. Déixovos coma sempre o meu track de ruta no Wikiloc, no perfil de “decaboarabo” e anímovos a que a fagades xa que, a pesar de non ser das máis doadas, sí é das máis bonitas.

