Este roteiro circular duns 22 quilómetros de lonxitude, parte do Concello de Paderne de Allariz e conta con numerosos atractivos ao seu paso. O primeiro que atoparemos no percurso será a lagoa de Cantoña, ubicada nos terreos dunha antiga canteira. A través de frondosas e verdes carballeiras, chegaremos a Vilaverde e Eiravedra. Este último pobo sorprende co seu gran lavadoiro público, os seus fermosos canastros e as súas vivendas reflexo da arquitectura tradicional da zona.
Continuamos o noso ascenso entre tupidas forestas e camiños de terra ata chegar ao punto máis alto dende onde podemos deleitarnos cunha fermosa panorámica de toda a contorna. E é que non vos quixen dicir nada antes pero… os sete primeiros quilómetros son de subida, suave e agradable, pero subida. Iso sí, a partir de aquí rematouse a costa arriba!
No límite co Concello de Maceda, que nos ofrece un roteiro propio que se cruza co noso a esta altura, veremos un letreiro que nos indica os Penedos da Moura a un lado e Casasoá ao outro, que é o noso próximo destino. Esta aldea sorprenderanos coa súa capela e as ruínas do seu pazo, cun conxunto de tres canastros visibles na súa parte posterior. Mágoa o estado no que se atopa pois a súa beleza é máis que evidente aínda no presente.
E voltando a adentrarnos en frondosos bosques, atopamos nunha zona despexada un letreiro da Ruta do Monte Cubreiro, do Concello de Baños de Molgas, que tamén se cruza coa do Falbán. Chegamos logo a Neboeiro e, a través dun descenso un pouco máis abrupto, a Caxamonde, coa súa capela, cruceiro e pombal. De ahí a O Pazo, onde pese a súa escasa poboación, aínda queda xente con vontade de contar a súa historia. E de novo ao punto de inicio!
Todo o roteiro está perfectamente limpo e sinalizado. Xa noutra ocasión dei os meus parabéns a este concello pola ruta de San Xés e reitérome novamente con esta. Hai sitio onde estacionar á saída do roteiro e a súa dificultade radica exclusivamente na súa longa quilometraxe.
























