E como o prometido é débeda, aquí vos traio este sendeiro que, tal como vos dicía onte, podedes levar a cabo xunto co do río Deva PR-G 176. Ao igual ca este último, tamén se trata dun roteiro circular, duns 7,5km de lonxitude, e que podedes iniciar en calquera punto. Non obstante, se queredes facer os dous xuntos, recoméndovos comezar na área recreativa de A Ponte. E se queredes facer só este último, podedes comezar en A Ponte Ballote que é onde se comunica co outro, ou na área de autocaravanas de O Valiño.
Comezando en A Ponte Ballote, seguindo o curso descendente das augas do río Deva pola marxe esquerda, chegaremos ata A Ponte do Cantiño e de ahí a Ponte Trado, dende onde comezamos a ascensión de algo máis de dous quilómetros para chegar a Trado e á Ermida de San Xusto, punto máis alto de todo o roteiro. Moi preto, un fermoso mirador permitiranos contemplar unha maravillosa panorámica sobre o val do Deva e o río Miño.
E a partir de ahí comezamos a baixada atravesando Trado Pequeno cos seus petos de ánimas e a súa fonte lavadoiro e voltando novamente a A Ponte Ballote.
Todo o camiño está perfectamente limpo e sinalizado. A zona de sombra neste caso é escasa co cal moito coidadiño en días calurosos. Aínda que conta cunha subidiña mantida durante máis de dous quilómetros, é perfectamente asumible con paciencia!



















