Xa nunha publicación anterior vos falara do lagar de cera rehabilitado de Paraños, no concello de Covelo, que está sempre aberto ao público e que conta con explicacións claras sobre todo o proceso que se levaba a cabo no oficio da cera.
O lagar de Paraños e o de Lamosa son os únicos lagares de cera tradicionais que se conservan en toda a comarca e a súa contorna, e o segundo deles está practicamente invadido pola maleza. Coido que non lle queda moito tempo como non se bote man del.
No concello de Covelo hai a día de hoxe oito curadoiros pero, nos seus tempos, tan só na parroquia da Lamosa, chegou a haber vinte casas con curadoiro e pías para branquear a cera.
Este roteiro, tal como vos dicía o outro día, pasa por numerosos puntos reflexo deste oficio nos que aínda dá para imaxinarse como sería a vida aló tempos atrás. Déixovos unhas fotiños a maiores das do outro día dentro de ruta e relacionadas con este tema, e tamén o enlace á publicación anterior sobre o lagar de cera de Paraños e o seu funcionamento. Espero que vos gusten! 













