Este roteiro circular de máis de 17km de lonxitude, ten como principal protagonista ao río Xabriña e aos seus afluentes, e pode considerarse unha conxunción perfecta entre a exuberante natureza e o rico patrimonio etnográfico presente na zona.
Atravesando as parroquias de Paraños, Prado da Canda e a Lamosa, coñeceremos camiños históricos, fontes, lavadoiros, petos de ánimas e cruceiros, así como tamén no achegaremos á actividade dos cereiros a través das eiras e lagares de cera que aínda quedan presentes.
Serán as fermosas ribeiras do río as nosas compañeiras de ruta e o son da auga a nosa música durante este percurso no que, nos adentraremos en fragas dun verde especial, prados con vaquiñas e cabalos pacendo tranquilamente, levadas, pontes e pintorescos pasos sobre o río. E tamén numerosos muíños que nos sorprenderán a cada pouco.
Aínda que en liñas xerais, exceptuando a súa lonxitude total, non reviste grande dificultade, sí que conta con algunha subidiña e baixada que pode resultar esvaradía en días especialmente húmidos ou con choiva. Non obstante é o roteiro perfecto para días calurosos pois decorre practicamente pola sombra case sempre e o río forma fermosas piscinas naturais nas que refrescarse.
En caso de non querer camiñar tanto, pódese dividir o percurso en dous xa que está conformada por dous “aneis” con punto de encontro na ponte do Folón. Dende Paraños, seguindo o curso do Xabriña, tamén se pode enlazar coa ruta dos muíños de Mouriscados.


























