Ruta dos muíños do río Loña. Concello do Pereiro de Aguiar

Este percorrido conta cunha parte circular de 11 km e unha parte lineal de 4km en total que se sitúa na metade do roteiro. Uns 15km aproximadamente en total.
Partindo do aparcadoiro do encoro de Cachamuíña, a primeira metade do sendeiro decorre pola beira do río Loña, na que podemos apreciar varios muíños en diferentes estados de conservación así como a beleza deste río que ofrece un espello impresionante para as árbores que o circundan.
Aínda que toda a ruta é fermosa, sen dúbida algunha, a primeira metade é a máis impactante. Dende a área recreativa de Loñoá, a medio camiño aproximadamente, desandamos dous kilómetros para comezar un lixeiro ascenso cara os miradoiros do Monte da Chaira, o primeiro deles cunhas extensas vistas da contorna e o segundo que nos ofrece unha fermosa panorámica do encoro de Cachamuíña dende enriba.
Todo o camiño está perfectamente sinalizado, limpo e acondicionado. Os meus parabéns aos encargados do seu mantemento.
En caso de querer alongar o roteiro, é posible enlazalo coa ruta dos muíños do Grañal e tamén coa ruta en torno ao encoro de Cachamuíña. E no caso contrario, para reducilo, poderíase facer simplemente a parte circular de 11km.
O percurso en sí non conta con moita pendente e a súa única dificultade radica no número de kilómetros.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *