Cuns 18 quilómetros de lonxitude, este roteiro circular parte do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo para achegarnos aos miradoiros do Val do Medo e do Campo do Eirado, neveiros con séculos de historia pertencentes ao mosteiro, unha explotación mineira de cuarzo, un muíño de considerables dimensións e aldeas coma a da Reboreda.
Todo isto da man de estreitos sendeiros, pistas de terra e algún que outro tramo asfaltado. Déixovos o meu track no Wikiloc, coma sempre, con pequenas modificacións, coma uns metros do inicio de ruta que estaban cheos de estrugas e silvas, ou a variante de San Pedro que evita incidentes en épocas de chuvia. En canto á dificultade, os camiños son bos, a sinalización está perfecta, con paneis explicativos en todos os puntos de interese pero, porque sempre hai un pero, conta con algunhas pendentes pronunciadas, tanto ascendentes coma descendentes. Iso sí, paga a pena xa soamente polas impresionantes panorámicas que ofrece! 
Non se vos ocurra marchar sen facer a visita guiada ao mosteiro! Avisados quedades!

