Salvaterra de Miño. Camiño de Taverneiro. Etapa 1: de Salvaterra a Ponteareas.

Como o prometido é débeda e onte vos dixen que vos daría máis detalles deste tramo, aquí estou de novo, para que vexades que son muller de palabra 😜! E é que unha soa publicación para os 17 quilómetros que ten esta etapa non é suficiente. De feito, esta concretamente, vai ir adicada ao inicio da mesma.
As impoñentes murallas da fortaleza de Salvaterra son testemuña innegable dos numerosos conflitos que tiveron lugar no pasado entre os habitantes das dúas beiras do río. Declarada Ben de Interese Cultural no ano 1949, alberga no seu interior parte do castelo medieval, a Casa do Conde, a Porta e a Capela da Virxe da Oliva, a Igrexa Parroquial de San Lorenzo e o Cruceiro da Peregrina.
A Porta e a Capela da Virxe da Oliva son un reflexo da presenza lusa na vila durante a súa ocupación. De feito, no frontal superior podemos ver tres escudos heráldicos de orixe portuguesa, borrados a posteriori polas tropas galegas e dos que tan só se conservan os seus elementos máis neutros.
En canto á Igrexa Parroquial de San Lorenzo, con estrutura románica do século XIII, dicir que se corresponde coa capela do antigo castelo de Salvaterra. A súa pranta foi modificada en varias ocasións dende a súa orixe como capela militar e na súa fachada pódese ver unha pequena escultura de San Lorenzo. O interior está presidido polo Santo Cristo da Victoria, de 1732, e que foi feito en homenaxe á vitoria sobre os portugueses na reconquista da vila. Diante da mesma podemos ver o Cruceiro da Peregrina, coa Virxe da Peregrina nunha das súas caras e dúas cunchas de vieira.
E no próximo capítulo…Parque da Canuda, Illa e Ponte de Fillaboa e río Tea! Estade atentos! 🤓

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *