San Salvador de Soutomerille. Castroverde

Adentrándonos no fermoso camiño que, entre carballos e castiñeiros, leva aos peregrinos cara Santiago de Compostela, podemos descubrir a beleza e maxia deste lugar.
O primeiro que atoparemos a man esquerda é o pouco que resta dunha casa señorial, a Casa Torre de Arriba, engulida practicamente na súa totalidade pola maleza. Pese a iso, podemos apreciar a envergadura e importancia que debeu ter no seu tempo. Relatan os peregrinos que este era un dos refuxios cos que contaban no seu camiño e que esta construcción tiña cárcere, soga e coitelo para os malfeitores.
Un pouco máis adiante, na bifurcación, podemos coller de frente e visitar o que probablemente sexa un dos camposantos máis pequenos e singulares de Galicia, con tan só tres panteóns e unha fosa.
Se en lugar de coller de frente cara o cemiterio collemos á esquerda, moi pronto veremos o impresionante Castiñeiro da Corredoira, con arredor de 350 anos.
E un pouco máis abaixo a xoia do lugar, a misteriosa Igrexa Mozárabe de San Salvador de Soutomerille, abandonada e descoidada aínda que testigo claro do prerrománico coa súa fermosa fiestra. Reza sobre a parte superior da mesma unha inscripción que traducida di “Canto antiga é a igrexa, testemúñao a pedra inferior”.
E ao carón da mesma, tamén en estado ruínoso, a Casa Torre de Abaixo. Unha mágoa que non se faga algo máis por conservar este patrimonio nas condicións que se merece.
Espero que vos guste. Se queredes podedes prolongar o paseo tanto como desexedes. 🥰🤗

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *