Sabedes iso que din de que moitas veces temos as cousas máis fermosas ao carón da casa? Pois ben, teño que dicir que ese é o meu caso.
Esta aldea con bastantes máis habitantes de catro patas ca de dúas, situada a 731 metros de altitude, contaba no seu alto co Castelo de San Salvador de Todea (tamén chamado de Malpaso ou de Mouresiños) construído no século XII e en uso até o século XV.
A poucos metros do castelo, un pouco máis abaixo, podemos observar dous sarcófagos antropomorfos labrados na rocha. Este tipo de enterramentos dátase nos séculos IX e X.
As vistas de Allariz e o seu monte dende a zona arqueolóxica do castelo son indescriptibles, sen dúbida algunha o meu lugar preferido na contorna.
E que dicir da aldea propiamente, coa súa igrexa románica, e que aínda contando con case tantas casas en ruínas coma en pé, ten un non sei qué que te deixa namorado. E por se non fose suficiente con todos estes praceres para os sentidos, con un chisquiño de sorte, podes ser agarimosamente recibido polos seus habitantes de catro patas
.
Hai varias rutas que pasan por aquí, incluído o camiño de Santiago, e que pese a contaren con algo de pendente todo esforzo valerá a pena.














