Xa fai un bo tempo que sei da existencia da Torre de Torán, ou máis ben do que queda dela, xa que o seu estado actual é ruinoso e a maleza está a facer o seu traballo nesta propiedade. Cuns once metros de altura e, debido a súa ubicación dominando o val de A Rabeda e próxima ao camiño medieval que conducía a Castela, servía fundamentalmente para a vixiancia destas terras. Figura catalogada como BIC dende o 1985, aínda que salta á vista que ese título non lle valeu de moito.
E camiñando polos arredores, recoméndovos achegarvos ata a praza de Torán, que alberga a súa igrexa, fonte, cruceiro e impresionante casa reitoral, desafortunadamente en ruínas tamén esta última. Pese a iso paga a pena a visita para apreciar a súa beleza arquitectónica e a magnitude de tal edificación.
Unha mágoa ver o noso patrimonio así! 

