Este roteiro circular que vos propoño hoxe, duns 20 quilómetros escasos, percorre unha parte da Senda de Boborás (uns 9 quilómetros de 16,5 que ten en total) e outra parte da Senda do Arenteiro (uns 7 quilómetros dos 11 que ten en total). As vantaxes son a posibilidade de facer unha ruta circular en lugar de lineal, xa que ámbalas dúas sendas son lineias, así coma poder desfrutar de parte do atractivo das dúas no mesmo día.
Entre as súas xoias podemos incluír aldeas coma Pazos de Arenteiro, Moldes ou Cameixa, variado patrimonio relixioso e etnográfico, diversos bosques, singulares carreiros, antigas pontes e un río que corre con forza deixando ao seu paso curiosas formacións rochosas.
Todo o camiño está limpo e en bo estado. Conta con sinalización na parte que se corresponde coas sendas homologadas pero non na que une ámbalas dúas. Podedes atopar o meu track en Wikiloc ou no Sports Tracker. Espero que vos guste!

