Este percurso sen grande dificultade, ben sinalizado dende a zona de estacionamento e en perfectas condicións, ofreceranos sempre e cando a densa néboa que ás veces fai a súa presenza o faga posible, unha panorámica realmente espectacular.
O faro de Cabo Home, do ano 1853, é unha das torres baliza máis altas de todo o litoral galego, con 18 metros de embergadura e unha luz cun alcance de 12km. Debido precisamente á néboa da que vos falaba antes, dende 1888 este faro conta cunha serea que lle custou o alcume da “Vaca de Fisterra”, co fin de avisar a navegantes do perigo existente. Ademáis deste, tamén podemos achegarnos ata o faro de Robaleira e o de Punta Subrida.
Pero alén de faros, esta área ten moito máis que ofrecer. Podemos disfrutar neste roteiro de exuberantes praias, acantilados que impresionan, formacións rochosas peculiares e unhas impresionantes vistas das illas Cíes.












