Sendeiro de Pelamios PR-G 194. Xunqueira de Ambía

Este roteiro circular duns 15 quilómetros de lonxitude e un tempo de execución estimado de algo máis de 4 horas, parte de Xunqueira de Ambía. Pintorescos camiños achegarannos ás beiras do río Arnoia, que será o noso compañeiro durante boa parte do traxecto.
Como curiosidade, direivos que é o río máis longo que decorre integramente pola provincia de Ourense, con 84,5 quilómetros dende o seu nacemento na Serra de San Mamede ata a súa desembocadura no río Miño. Disfrutaremos da paz das súas augas así como da beleza das antigas pontellas de pedra e o que resta de muíños que noutro tempo traballaron sen descanso. Tamén existen zonas ideais para o baño ao seu paso.
E chegamos así a San Xillao, coa súa capela e as súas curiosas formacións graníticas. A través dun bosque autóctono dirixirémonos cara A Pousa, onde seremos recibidos por un conxunto de canastros e a Capela da Virxe do Camiño, imaxe da cal está representada na súa fachada xunto con dous escudos de armas procedentes da torre dos señores de Armariz.
E voltando cara o río Arnoia, pasaremos por Vilanova e Vilariño do Río para achegarnos ao Ecoespazo do Rexo, que merece unha visita con detemento para coñecer a obra do artista Agustín Ibarrola e por que non, tamén as súas lindas ovelliñas. E entre castiñeiros e carvallos, voltamos de novo a Xunqueira de Ambía.
O camiño está limpo e en moi bo estado. O roteiro non ten gran dificultade técnica, unicamente subliñar que en época de choivas ou moita humidade pode resultar esvaradío algún tramo concreto. Pero sí teño que advertir que aínda que no seu momento debeu estar ben sinalizada, hoxe en día, a marcación que ten é completamente insuficiente para levala a cabo sen algún apoio externo. Hai tramos ben sinalizados e outros nos que nin se adiviña e son moitos os cruces de camiños ao longo do roteiro.
Polo resto, espectacular, realmente espectacular!
❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *