Hoxe, os meus compañeiros de rutas peludos e máis eu, ímosvos amosar un pouco deste fermoso e verde roteiro de 2,5km lineais, é dicir 5km ida e volta en total. Todo o camiño está perfectamente sinalizado e limpo. A súa execución é doada pois ten un desnivel mínimo e non require técnica.
O único pero que poderíamos poñer é que algúns chanzos das escaleiras de madeira e algunhas táboas das pasarelas están cedidas ou inexistentes co cal hai que ter coidado. É un roteiro estupendo para días calurosos porque é moi sombrío pero pode resultar esvaradío nalgúns puntos en días de choiva.
O camiño comeza ao carón da casa da cultura de Riomaior e sempre á beira do río lévanos a ver 34 muíños rehabilitados que nos seus tempos de traballo se empregaban para a moenda de cereais como a avea, centeo e sobre todo o millo.






















